A exoposición ‘Obxetivo visibilizando o autismo IV’ inaugurouse o pasado 1 de abril coincidindo co Día Mundial do Autismo. Recolle as fotografías que Paula Verde fai ao seu fillo Héctor, diagnosticado de Autismo. O tamén fotógrafo, Fernando Laconde, visitou a exposición que se pode visitar na Casa da Muller ata o 20 deste mes. Aquí as súas impresións.
Coñecín a Paula Verde hai uns anos, no outono do 2013, apareceu no meu obradoiro de Iniciación á fotografía dixital cunha cámara de segunda man, con moitas ganas de aprender fotografía e cunha motivación e idea clara. Era fan da fotografía dende nena, pero faltáballe dar un paso máis e comezar a formarse no manexo dunha cámara e a técnica fotográfica. Tamén de concretar a idea que tiña en mente, o que sentía. Paula tiña algo que contar e a fotografía sería o seu medio.
Tralo obradoiro de iniciación fotográfica, viñeron talleres de iniciación a composición e a Photoshop ao longo do 2014 e, nese ano, xunto cos meus alumnos Carlos Meira, fotógrafo especializado en temática musical, e a xornalista Tamara Novoa, fixen a terceira exposición do grupo fotográfico Lumière, a primeira de moitas para Paula. Naquela exposición, coido que plasmou o inicio do que é o seu proxecto fotográfico e vital. Vin por primeira vez as imaxes dos seus fillos impresas e lin o título que dende aquela lle acompaña Mi mirada te hace grande.
Comunicarse cos seus fillos e expresar con imaxes eses momentos tan íntimos de complicidade consciente ou non. Que mellor tema fotográfico e que mellor obxectivo vital!
Este proxecto persoal englóbase dentro do ‘Obxectivo visibilizando o autismo’, no que acompañada do proxecto da terapeuta e creativa Esther Medraño, a que tamén tiven a oportunidade de ensinar nos seus primeiros pasos fotográficos, e a mestra e escritora Olga Lalín, levan anos achegando unha visión accesible e creativa sobre o autismo co proxecto Alto, alto como una montaña, con recoñecemento nacional a súa labor creativa e pedagóxica. A mostra na casa das mulleres é o froito creativo da súa unión, textos e imaxes para contar historias e unha boa idea: a da inclusión.
Pero centrándome na fotografía, nesta exposición vin unha evolución no traballo de Paula Verde, froito quizais da experiencia, da súa formación continua e o maior dominio da fotografía. A evolución plásmase non só nas fotos individualmente, senón no seu conxunto como serie fotográfica e a súa presentación. Unha coidada selección, compacta, con imaxes claras e potentes visualmente, emocionais, onde o branco e negro céntranos nos protagonistas e na mensaxe. Non é necesario explicar nada, as imaxes falan e para min transcenden o tema do autismo, falan da infancia, do amor, de sentimentos e ideas universais.
Fernando Laconde